Sunday 19 de May de 2024

Parlamento Xove bota a andar na Coruña coa primeira xornada clasificatoria na que os mozos e mozas “dialogarán e debaterán nun escenario de respecto e tolerancia”



Cecilia Vázquez asegurou que “os mozos e mozas participantes teñen a oportunidade de mellorar a súa actitude para debater sobre o tema proposto, desenvolver habilidades para a expresión oral e, sobre todo, a capacidade de escoitar aos compañeiros”

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe no Centro Residencial Docente A Coruña na primeira xornada da fase clasificatoria da competición de debate Parlamento Xove, unha iniciativa da Consellería de Política Social, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega. Segundo Cecilia Vázquez, “Parlamento Xove invita a dialogar e debater nun escenario de respecto e tolerancia” porque “os mozos e mozas participantes teñen a oportunidade de mellorar a súa actitude para debater sobre o tema proposto, desenvolver habilidades para a expresión oral e, sobre todo, a capacidade de escoitar aos compañeiros”. “A debater se aprende debatendo e os coñecementos previos son un dos elementos fundamentais dun debate”, engadiu.

Esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato. Na fase clasificatoria desta fin de semana na categoría de 3º e 4º de ESO participan un total de 24 equipos de 23 centros de ensino. Deste xeito, cun equipo participan o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o CPI de Xanceda (Mesía), o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, o CPI Conde Fenosa de Ares, o CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, o Colexio La Salle de Santiago de Compostela, o IES de Melide, o IES de Mugardos, o IES Chamoso Lamas do Carballiño, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o IES de Becerreá, o Centro Educativo Galen (Lugo), o IES Lama das Quendas de Chantada, Maristas ‘A Inmaculada’ de Lugo, o IES Monte Castelo de Burela, SEK Internacional School Atlántico de Poio, o CPR Nosa Señora de Lourdes da Estrada, o IES Rodeira de Cangas do Morrazo, o CPR Plurilingüe Monterrey de Vigo, o IES Illa de Ons de Bueu e o CPR Casa da Virxe de Cangas do Morrazo. E con dous equipos participa o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa.
A próxima fin de semana terá lugar a segunda quenda de debates coa fase clasificatoria dos equipos de 1º e 2º de Bacharelato. Dos equipos que participan nesta xornada preliminar, 16 serán os que debaterán na final que descorrerá ao longo do mes de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia, 8 de Bacharelato e 8 de Educación Secundaria Obrigatoria.

O tema para o debate final será anunciado pola organización no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros.

A oratoria como defensa
Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización; os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán, escribirán e, finalmente, debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Nesta edición o tema para a fase clasificatoria é: “Determina o papel do/a profesor/a o futuro dos mozos e mozas?”.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo,“a favor”ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

Trátase de debates de carácter argumentativo; espazos de comunicación que permiten a discusión sobre o tema proposto e gañarán non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais, a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións e fomentan a toma de conciencia no comportamento democrático.

Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa e defender as opinións con xustificación.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e compresión oral e escrita); competencia matemática porque en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá, porque contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística, porque nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal